El Progreso
Galiciae
VIVEIRO
As vidreiras de San Francisco están rotas por actos vandálicos
O Concello ten previsto iniciar con carácter inmediato a creación da beirarrúa na parte exterior do antigo mosteiro de San Francisco, ao obxecto de evitar que continúe a rotura das vidreiras, para o que se retirarán as pedras que bordean todo o perímetro dos claustros.
O alcalde recoñeceu no seu día que os nenos tiran pedras contra as vidreiras cando están a xogar. De feito, un bo número delas está roto. As pedras deixáronse tras a drenaxe da contorna do edificio. Por iso, a construción da beirarrúa ten como finalidade evitar esas accións vandálicas, ademais de ofrecer unha maior seguridade aos viandantes que utilizan esa zona de paso.
A Deputación de Lugo custeará a obra con preto de 10.000 euros. A actuación acometerase con cargo a remanentes de plans de obras executadas no concello.
O organismo provincial tamén leva a cabo no municipio a obra de dotación de abastecemento de auga á zona de Riquián, Escourido e A Patarroa, adxudicada á empresa Aquagest e financiada co convenio entre o Concello e a Deputación.
Esta mellora comprende a construción dun depósito de auga para a ampliación da rede de abastecemento a Riquián, na parroquia de Covas. O orzamento programado para esta actuación supera os 84.000 euros.
A última actuación que ten en marcha o organismo provincial dentro do concello de Viveiro consiste na consolidación da antiga casa da familia Calvo Sotelo, situada no número 23 da rúa Irmáns Vilar Ponte. A substitución da cuberta do inmoble fíxose con cargo ao convenio a tres bandas entre Concello, Xunta e Deputación, por valor de 150.000 euros.
A rehabilitación do edificio está agora en marcha con cargo ao Plan de Obras e Servizos (POS), cun investimento de 99.120 euros, que financian o Ministerio de Administracións Públicas, a Deputación e o Concello. 16/02/2012
0 comentarios:
Publicar un comentario