TVG
Telexornal Serán
A confraría máis nova de Viveiro remata nun taller de costura os seus hábitos
A confraría máis nova de Viveiro está a rematar nun taller de costura os hábitos que vestirán os seus membros na vindeira Semana Santa. Nel participan confrades voluntarios que, co seu traballo, conseguen un importante aforro no custo final dos traxes.
A Confraría da Misericordia, a máis nova de Viveiro, está de parabéns. Un grupo de voluntarios está rematando nun taller de costura os últimos cincuenta hábitos que vestirán os seus membros na Semana Santa. Con estes, serán un total de trescentos os traxes que desfilarán en procesión na medianoite do Xoves Santo.
"Este taller comezou hai un par de anos, cando se ofreceron varios voluntarios para confeccionar o roupeiro da confraría, que non tiñamos completo, e a día de hoxe seguimos sen telo completo. Cada ano imos facendo algunha peza máis. Este anos faremos cincuenta e un hábitos, cos que completaremos o roupeiro."
Tras varios anos con traxes de prestado, este será o primeiro no que os membros desta confraría desfilen co roupeiro totalmente propio. E ademais cun importante aforro, posto que o custo por hábito se elevaría nun cincuenta por cento de non ser polo traballo dos voluntarios.
"Agradécese moitísimo a man de obra desta xente desinteresada que nos vén axudar. Senón, con nosoutros, tres mulleres que somos na directiva, non dabamos feito."
"Esta confraría fundouse no ano 2006 e en 2007 comezamos a saír en procesión. Desde ese momento, as confrarías antigas deixáronnos os hábitos e diversos elementos que necesitabamos para saírmos. Ano a ano, imos completando o noso patrimonio, o noso roupeiro e os nosos roupeiros procesionais, e imos prescindindo deses elementos que son prestados."
Só lles faltan as capas, que prevén confeccionar o ano vindeiro.
0 comentarios:
Publicar un comentario