viernes, 21 de octubre de 2011

Entrevista a D. Leopoldo Rodríguez Rocha Cuando tallaba los Soldados del Paso de la Resurrección.


Publicamos esta entrevista a D. Leopoldo Rodríguez, autor del paso de la Resurrección y de la Virgen del Camino de la Luz para la Hermandad de las 7 Palabras de la Semana Santa de Viveiro.


Esta entrevista del año 2007, indaga sobre la Restauración Tradicional de Imágenes Religiosas, y en la fotografía adjunta, se puede ver, como tallaba a uno de los soldados del Paso citado anteriormente.

Esta es la entrevista:

En xeral temos a idea de que a restauración de pezas de arte antigas é un oficio moderno. No entanto desde sempre existiron profesionais especializados de voltarlle o seu esplendor a obras de épocas anteriores que se viran afectadas polo paso do tempo. En Galicia boa parte destes artistas da recuperación centraron a súa actividade en poñer guapas as imaxes de santos que abondan na nosa xeografía. Aínda hoxe, algúns destes artesáns sobreviven, desenvolvendo un importante labor de recuperación da nosa arte á marxe de escolas e titulacións oficiais. Tamén os santos precisan que os curen.

Este é un oficio da vella escola que se transmite ao xeito tradicional de mestre a aprendiz. É tamén o caso de Leopoldo Rodríguez, un dos últimos artesáns que se dedican á restauración de imaxes relixiosas en Galicia e que mantén no casco histórico de Compostela o seu pequeno obradoiro. "Eu empecei aos quince anos porque o meu avó xa tiña un taller de restauración de imaxes", lembra, "Como viron que tiña algunha calidade de debuxo metéronme aquí ata hoxe, que teño cincuenta e catro". Corenta anos cunha dedicación de dez horas diarias foron a formación fundamental deste artesán, e aínda que recoñece ter asistido catro cursos á Escola de Artes e Oficios, "apréndese máis nun día de taller que nun ano de escola", afirma. Aplica esta máxima mesmo para as cuestións máis teóricas, como coñecer os estilos e as escolas artísticas coas que traballar diariamente, "iso como máis se aprende é a ollar", completa.

O traballo

Con esta aprendizaxe, o escasos profesionais que quedan dedicados a este traballo enfróntanse, a maior parte do seu tempo, á recuperación de tallas de santos en madeira e mais á recuperación de retablos e pezas semellantes. En moitas ocasións restaurar estas obras supón un auténtico desafío. "Sempre agardan á última hora para os traer. Veñen desfeitas e logo, claro, sáelles máis caro porque lles hai que dedicar máis tempo", explica. "Fáltanlles dedos, pezas do traxe, perderon pintura ou mesmo teñen couza. Eu restaurei milleiros de pezas que parecía que non tiñan arranxo e ao final amañáronse". O proceso de restauración tamén se desenvolve do xeito máis tradicional. Nin raios ultravioleta nin láseres. Ferramentas de carpinteiro, tallado de madeira e pintado como sempre se fixo, un sistema que pode ter os seus detractores. "Ás veces, se está moi deteriorado, hai que tirar o anaco que falta e buscarlle novas pezas. O que se pode conservar hai que conservalo, e o resto, restauralo igualando", resume o seu traballo.

Diferencias de criterios

Desde esta posición, Leopoldo ten tamén as súas opinións sobre as tendencias actuais no sector. "Agora empregan técnicas que limpan, pero non reparan o que está roto. Son novas formas de restauración, non queren mudar a peza antiga aínda que lle falte un anaco e eu iso non o entendo. Para min iso non é restaurar, é limpar". A incidir neste aspecto, Leopoldo sinala o valor de uso das obras que amaña. "Non é o mesmo unha peza que vai a un museo, que si lle poden faltar anacos, que na igrexa. A xente quere os santos para rezarlles, e queren velos guapos, non mal pintados e rechamantes. Porque ao final os santos son deles, págaos a parroquia, que os curas sempre lles piden cartos aos fieis para os restaurar". Recoñece, de calquera xeito, que polas súas mans teñen pasado pezas que resultaran afectadas por desafortunadas restauracións. "Fixéronse moitas barbaridades, houbo xente que non entendía, dáballe Titanlux e estragaba pezas dun valor considerable".

Publicidade de sempre

Todo nesta profesión se desenvolve no xeito tradicional. Desde os procesos de restauración e creación de novas pezas ata a propia publicidade. "Un cliente fálalle a outro, e como non hai máis xente, acaban vindo á forza onda min ou o meu irmán", un doutor de santos que tamén ten en Compostela o seu taller. "En Compostela xa non hai máis, todos foron pechando, e agora recibo traballo de todas partes. Ourense, Vigo, Ferrol, A Coruña". Mesmo sen facer publicidade nin se preocupar especialmente por saír nos medios, estes traballadores non teñen problemas para encontrar encargas. "O traballo que hai en todo o país non o das feito. A min agárdanme agora vinte imaxes para restaurar", adianta.

A creación

Por se a restauración non fose abondo, este artesán tamén se enfronta á creación de novas figuras por encarga. O último traballo no que está inmerso son dous impresionantes soldados romanos que poderemos admirar na vindeira Semana Santa de Viveiro. "Hai dous anos fíxenlles o Cristo Resucitado e agora encargáronme o grupo completo, dous romanos e un anxo. Vano completando". Neste campo o prezo varía enormemente segundo a encarga. Un paso semellante ao que está a realizar agora mesmo a partir da madeira de cedro, con cinco ou seis imaxes pode chegar aos seis millóns de pesetas. "Son imaxes ao mellor dun metro noventa. Hai outros artistas que ao mellor por poñer a firma e facer un garabullo xa cobran corenta ou cincuenta millóns", apunta. No seu caso, estamos a falar dun traballo que pode supor ata tres meses por figura, contando o pintado.

A extinción

A esixencia da formación, que se prolonga durante anos, pode estar detrás da falta de aprendices que lamenta Leopoldo. "Non hai quen queira aprender. Agora non hai paciencia para aprender un oficio, a xente quere traballar e gañar un soldo... Este é un traballo de moitos anos para se formar. Hai que saber debuxo, modelado, escultura, talla... Cada ano apréndese algo novo". O máis semellante a aprendices que ten este restaurador son os estudantes da Escola de Artes que se achegan unha temporada ao obradoiro a pasar a estancia de prácticas que precisan. No seu caso, cando menos, non cabe dúbida de que lle gusta o que fai. "Eu veño contento a traballar", asegura, "a miña vida xira arredor desta arte". As posibilidades de que o negocio continúe pasan por que un dos seus netos, aínda nenos, opte no futuro por esta profesión, xa que Leopoldo non amosa moita intención de coller aprendices de fóra da familia. Poida que non supere a actual xeración este oficio de curandeiros de santos, feito en si mesmo unha tradición.


Fotografía de los Soldados Romanos una vez finalizados:


Fuente: http://www.culturagalega.org/noticia.php?id=9370

0 comentarios:

Publicar un comentario

ShareThis