jueves, 1 de marzo de 2012

Deputación e Concello renovan a súa colaboración para impulsar a declaración de Interese Internacional da Semana Santa de Viveiro...

Crónica 3

- A entidade provincial e a local achegan 66.000 euros este ano para a organización da festividade relixiosa, durante a que o municipio mariñano duplica a súa poboación e a ocupación hoteleira acada o 100%

- O Presidente explicou que a axuda extraordinaria de 26.000 euros que o organismo lugués outorga neste 2012 estará destinada á instalación da carpa-museo que albergará tódolos pasos das procesións e que o pasado ano recibiu a 12.000 visitantes

- Unha vez que obtivo o apoio unánime da corporación provincial, Roel solicitou o mesmo respaldo da Xunta para que avale a candidatura da Semana Santa viveirense a Festa de Interese Turístico Internacional
A Deputación de Lugo e o Concello de Viveiro renovaron este ano a súa colaboración económica para converter a Semana Santa da cidade mariñana na máis importante de Galicia e impulsar a súa declaración como Festa de Interese Turístico Internacional. O Presidente, José Ramón Gómez Besteiro, asinou precisamente este mércores co Alcalde viveirense, Melchor Roel, un convenio en virtude do cal a entidade provincial outorga por segundo ano consecutivo unha axuda extraordinaria, neste caso de 26.000 euros, mentres que pola súa banda o Concello concede unha subvención directa de 40.000 euros para a organización da festividade relixiosa. Suman en total 66.000 euros, o que supón preto do 42% do orzamento da Xunta de Confrarías, a entidade organizadora dos actos.

Gómez Besteiro explicou que a achega da Deputación estará concretamente destinada á instalación e mantemento da carpa-museo que se vén colocando dende hai 5 anos ó lado da igrexa de San Francisco para albergar todos os pasos da Semana Santa, de maneira que cada vez que hai unha procesión non sexa necesario montalos, senón que xa están preparados para saír. Esta carpa-museo, cunha rica e coidada decoración interior e con 30 metros de fondo, recibiu o pasado ano uns 12.000 visitantes, “o que da boa conta da repercusión e interese que provoca todo o relacionado coa Semana Santa de Viveiro”, asegurou o Presidente. Á firma do convenio de hoxe, que tivo lugar nos Claustros de San Francisco, asistiu o Presidente da Xunta de Confrarías, José Veiga, entre outros membros desta entidade.

 

Xestións para un recoñecemento internacional

O goberno de Melchor Roel, en coordinación coa Xunta de Confrarías, promove as xestións necesarias para que a Semana Santa de Viveiro, que é de Interese Turístico Nacional dende o ano 1988, reciba agora esta distinción a nivel internacional, “da que é sobradamente merecedora”, segundo recalcou Gómez Besteiro, “polo gran fervor e recollemento co que se vive, pola riqueza e valor da súa imaxinería e polo gran dinamismo e dedicación das confrarías, pero tamén porque supón un revulsivo económico e turístico para toda

A Mariña. Proba diso é que durante eses días Viveiro duplica a súa poboación e a ocupación hoteleira acada ó 100%. Falar da Semana Santa de Viveiro é falar dun acontecemento cultural, popular e turístico de referencia non só en Galicia, senón tamén en toda España”.

Neste camiño, o rexedor obtivo o respaldo da Deputación, que aprobou por unanimidade en Pleno hai preto dun ano unha declaración institucional para que a Semana Santa sexa declarada de Interese Turístico Internacional. Unha vez contado co apoio da institución provincial, o Concello solicitou mediante unha carta remitida ó Conselleiro de Cultura o pasado mes de decembro o mesmo respaldo á Xunta de Galicia para que avale a candidatura perante a Secretaría Xeral de Turismo do Ministerio de Industria, a administración encargada de conceder tal distinción. O Goberno galego respondeu a ese escrito neste mes de febreiro recoñecendo a importancia da festividade relixiosa e indicándolle ó Concello a documentación coa que ten que contar e que “xa estamos a preparar para enviala no menor tempo posible”, apuntou o rexedor.

Dende a chegada de Melchor Roel á Alcaldía de Viveiro hai 9 anos, a Semana Santa de Viveiro recibiu un forte impulso grazas ó traballo que desenvolveu conxuntamente coas confrarías. Deste xeito, unificou o esforzo dos máis de 3.000 confrades, -preto do 20% da poboación total de Viveiro-, mediante o impulso á Xunta de Confrarías. Este colectivo representa ás 8 confrarías viveirenses: “Venerable Orden Tercera”; “Del Rosario”, “Santísimo Cristo de la Piedad”; “Hermandad del Prendimiento”; “de las Siete Palabras”; “de la Santa Cruz”; “Nazarenos dos de Fóra”; e “Misericordia”. Ademais, dende o pasado ano, e a instancias de Roel, teñen a súa disposición distintos locais municipais de ensaio, reunión e almacenaxe.

Unha celebración dinámica

Unha das características polas que destaca e que fai atractiva a Semana Santa de Viveiro é o seu gran dinamismo. Celébrase de xeito ininterrompido dende o século XIII, herdando a tradición de franciscanos e dominicos, e nesta longa historia houbo etapas máis sobrias e outras de esplendor, como as dos anos 50 e 60. Na actualidade e dende hai unha década, a celebración volve a vivir unha etapa álxida, con continuas restauracións, melloras e incorporación de pezas –tanto de imaxinería, como de andas- e incluso coa organización de novas procesións, como foi o caso da do Ecce Homo instaurada hai tres anos. Outro froito desa dinámica actividade é o programa de difusión cultural Adral, que a Xunta de Confrarías organiza durante a Coresma, de maneira complementaria ós actos da Semana Santa. Esta proposta, que conta cunha gran aceptación popular, inclúe actos culturais, como conferencias e concertos de bandas de música e coros. A maiores, organizan exposicións en distintos puntos da cidade.

0 comentarios:

Publicar un comentario

ShareThis