TVG: Rouban nunha igrexa de Viveiro e levan un botín duns 800 euros...
A igrexa da San Francisco, en Viveiro, foi o escenario dun atraco nas últimas horas. Segundo explicou o sancristán do templo, os asaltantes entraron a roubar pola porta dos claustros. Unha vez dentro, forzaron a porta da sancristía e foi alí onde se fixeron co botín, aproximadamente uns 800 euros. Manuel Vázquez, que así se chama o sancristán, decatouse do sucedido cando o domingo a primeira hora, arredor das dez e media da mañá, chegou á igrexa para preparar a misa e viu todo revolto. Nese intre xa avisou a Policía. Algúns dos fregueses tamén se amosaron sorprendidos ante o sucedido. Ademais do roubo de diñeiro en metálico, os asaltantes tamén deixaron atrás estragos e danos materiais nas portas e no mobiliario da igrexa, e tamén forzaron o cadeado da capela da Terceira Orde, onde levaron unha cantidade de diñeiro aínda por determinar. Tanto o sancristán coma os veciños aseguran que non é a primeira vez que entran a roubar na igrexa de San Francisco, aínda que si é a primeira que denuncian os feitos ante a Policía. Pola súa parte, axentes da Policía Científica examinaron xa o escenario dos feitos para tratar de aclarar o sucedido.
0 comentarios:
Publicar un comentario