Instan ó Parlamento a apoiar a Semana Santa de Ferrol
REDACCIÓN FERROL | Actualizado 19 Junio 2013 - 02:40 h.
O parlamentario do Partido Popular Miguel Tellado pedirá o venres na Comisión de Industria, Comercio e Turismo o apoio de tódolos grupos que forman a cámara galega para que se declare a Semana Santa de Ferrol como Festa de Interese Turístico Internacional. Ó mesmo tempo, pide o respaldo da Xunta para un expendiente que se comezou a tramitar en febreiro e sobre o que terá que ditaminar o Ministerio, previo informe positivo da Comunidade Autónoma.
Nun comunicado de prensa resaltan o impacto económico que esta celebración ten en toda a comarca de Ferrolterra, “sendo con toda probabilidade un dos atractivos turísticos de maior relevo da zona”, e para iso dan datos dun informe da Cámara de Comercio de 2010, en que se cifran en 16 millóns de euros os beneficios. Lembran que a Semana Santa de Ferrol ten a distinción de festa de Interese Turístico Nacional desde 1995 (para o recoñecemento internacional esíxese que pasaran cinco anos como mínimo desde esta concesión) e que nela participan activamente máis de 3.000 persoas como confrades, ademais das que se implican noutros aspectos da organización.
valores
O recoñecemento de Festa de Interese Turístico Internacional faino o Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, nun prazo máximo de tres meses desde que recibe o expediente, acompañado do acordo plenario da localidade e tamén dun informe da Comunidade Autonóma. Para a concesión terase en conta a antigüidade da celebración, a súa continuidade no tempo, o arraigo na localidade e a participación cidadá e tamén a orixinalidade e diversidade dos actos que se realizan. Ademais deberán concorrer circunstancias relevantes en canto á promoción turística de España no exterior. Coidarase especialmente o entrono urbano, monumental e paisaxístico do lugar e garantiranse o equipamento turístico axeitado nun radio de 50 quilómetros. Tamén é precisa a difusión da festa en medios internacionais, trámite que se levou a cabo en Ferrol este mesmo ano, coa presenza de xornalistas estranxeiros que escribiron sobre a celebración relixiosa.
A Semana Santa de Viveiro recibiu este recoñecemento este mesmo abril. Ademais, en Galicia teñen a distinción as Festas do Apóstolo de Santiago, a romaría vikinga de Catoira, o Festival de Ortigueira e as alfombras do Corpus de Ponteareas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario