Páginas

viernes, 2 de marzo de 2012

Viveiro xa ule a Semana Santa...


02/03/2012 - Cristina L. Felipe / El Progreso (Viveiro)

Xa non falta moito para a Semana Santa e menos aínda para que comecen as actividades do programa de difusión cultural Adral, que dende hai uns anos serve de «prólogo da semana maior», como dixo onte na súa presentación a portavoz da Xunta de Cofradías, María del Carmen López, ‘Chipe’. As actividades continúan na liña de anos anteriores, con concertos, conferencias e actos litúrxicos, que finalizarán co pregón, o sábado 31 deste mes, a cargo da escritora Luz Pozo Garza.

A portavoz do colectivo organizador resaltou a figura da pregoeira, que é membro numerario da Real Academia Galega (RAG) e da que destaca, no eido literario, «a súa andadura, brillantez e léxico importantísimo» e, en relación a Viveiro, o «cariño» que ten á cidade, na que residiu parte da súa vida, e «a particularidade de que estivo moi vencellada á Semana Santa», pois «foi unha das fundadoras da confraría da Piedade». Por estes motivos, Chipe asegura que é «un orgullo» para todos os que conforman a Xunta de Cofradías «lograr que Luz Pozo Garza estea nesta edición».

A pregoeira falará ás 20.30 horas no teatro Pastor Díaz despois de que a presente o seu antecesor neste labor, Antonio Abril Abadín. Pechará o acto a coral polifónica Alborada de Viveiro.

A lectura do pregón é o último acto do programa cultural Adral, que empeza mañá mesmo ca entrega de premios do concurso de carteis da Semana Santa, ás 12.30 horas na sala multiusos do concello, mesmo acto no que se presentará un Trivial sobre a celebración vivariense que elaborou Antonio Navarrete. O domingo, o grupo da congregación Orde e Mandato de San Miguel Arcanxo da Diócese Tui-Vigo escenificará a Paixón de Cristo ás 19.00 horas na igrexa de San Francisco.

Concertos

Haberá que agadar ata o xoves da semana que vén para que empecen os concertos. O primeiro, ás 20.30 horas na igrexa das Concepcionistas, será a cargo do grupo Sol en Cuarta do conservatorio de Viveiro, e á mesma hora do día seguinte o grupo de corda do conservatorio dará un recital na igrexa de Santa María.

O sábado e o domingo celebrarase o segundo certame de bandas Cidade de Viveiro, cas actuacións das agrupacións Nosa Señora da Misericordia e Naval o primeiro día con pasarrúas e cun concerto no teatro. O domingo 10 tocaralles á banda de Ferrol, á agrupación Angustias y Soledad de León e á banda TAU.

O xoves 15 o grupo e coro de cámara do Conservatorio darán un concerto en Santa María e o venres 26 actuará o citado coro en San Francisco.

O sábado 17 presentarase no concello un poemario inédito de Alfredo García Dóriga, ‘Lex Dei’, e o mércores 28 inaugurarase a exposición ‘Eles tamén foron’ no mesmo lugar.

Ponencias

Das conferencias encárgase o Arciprestado e serán catro, os días 17, 20, 23 e 29. A primeira, ‘Lectura anual da Paixón de Cristo’, será a cargo de José Fernández Lago. A segunda, ‘Como vivir hoxe o Triduo Pascual’, impartiráa Elisardo Temperan. Benito Méndez falará de ‘Fe en Deus e cultura actual’ e Frei Francisco Castro impartirá a de clausura, ‘Lectura da vida en clave de esperanza’, trala que se presentará a revista Pregón.

Con todos estes actos programados María del Carmen López sinala que o obxectivo da organzación é que «a Semana Santa siga medrando para ter ese recoñecemento de Festa de Interese Turístico Internacional que cremos que é merecido».

Día das Tres Gracias
Dous actos independentes para celebralo

Hoxe celébrase en Viveiro o Día das Tres Gracias, unha tradición na que os devotos -moitos deles xentes do mar- acoden á capela da Misericordia a venerar a imaxe do Ecce Homo que se garda no interior. Alí encenden candeas e pídenlle tres desexos, dos que segundo a tradición se cumpre un. Hai misa ás 12.00, 18.30 e 20.30 horas.

VOT

Por outro lado, hai otro colectivo que celebra el Día das Tres Gracias de forma independente. Trátase da Venerable Orden Tercera (VOT), que festexa ó Ecce Homo dos Franceses, «venerada imagen del siglo XV procedente de la extinguida Cofradía de la Vera Cruz», din. Este acto é ás 20.30 horas na igrexa de San Francisco.

No hay comentarios:

Publicar un comentario