Páginas

jueves, 1 de marzo de 2012

A crise reduce as axudas do Concello e da Deputación á Semana Santa...

logo

01/03/2012 - M.A.N. / El Progreso (Viveiro)


A crise económica motiva tamén unha diminución das axudas que recibirá a Xunta de Confrarías da Semana Santa de Viveiro. Tanto a Deputación de Lugo como o Concello vivariense reducirán este ano a súa achega á celebración. O presidente do organismo provincial, José Ramón Gómez Besteiro, brindou unha vez máis o seu respaldo a unha iniciativa que duplica a poboación do municipio, que durante eses días colga o cartel de completo nos seus establecementos hostaleiros.

A Deputación achegará 26.000 euros, cantidade coa que se custea a carpa que acolle os pasos que desfilan nas procesións. A exposición instálase desde hai cinco anos para reclamar a creación dun museo de arte sacro. Besteiro recoñece que a axuda, menos que os 40.000 euros do ano pasado, «supón un esforzo para nós. Gustaríanos que a aportación fose maior, pero é o momento de establecer unha responsabilidade e de saber a que cousas non podemos renunciar».

O alcalde de Viveiro, Melchor Roel, apuntou que o Concello achegou 60.000 euros anuais cun convenio durante tres anos. A cifra reducirase a 40.000 neste exercicio, pero seguirán apostando pola Paixón, porque «o 53% do emprego pertence ao sector servizos e recortar a axuda máis sería facelo en afluencia e en emprego». O presidente da Xunta de Confrarías, José Veiga, asegurou que comprenden a situación.

 

Declaración

Besteiro destacou a intención de dar o salto para que a Paixón de Viveiro logre o recoñecemento de Interese Turístico Internacional. Neste sentido, recordou que a Deputación xa aprobou unha declaración institucional. Con ese apoio, o Concello solicitou por carta remitida en decembro pasado ao conselleiro de Cultura o mesmo apoio por parte da Xunta para que avale a candidatura ante a Secretaría Xeral de Turismo do Ministerio de Industria.

O Goberno galego respondeu o escrito en febreiro pasado cun recoñecemento da importancia da celebración, que transcende o ámbito relixioso, e indicou a documentación necesaria para presentarse á convocatoria, que desde o Concello «xa estamos a preparar para enviala no menor tempo posible».

O presidente provincial desfíxose en eloxios sobre a celebración, que considerou «algo digno de preservar» e «un imán para moita xente». Besteiro non dubidou ao afirmar que a Paixón vivariense «é a mellor de Galicia e digo isto, aínda que me supoña un problema cos organizadores doutras». Así, incidiu en que «non é comparable» coa de Ferrol, xa que a cidade departamental ten 90.000 habitantes, mentres que Viveiro conta con algo máis de 16.000.

No hay comentarios:

Publicar un comentario